28/02/18
Un altofalante para as crianzas!
Obradoiros para pensar en Carnota Amiga da Infancia
As nenas e os nenos de Carnota experimentaron un proceso democrático nas aulas. Nestas semanas debateron para que unha rapaza e un rapaz de cada grupo fora o “altofalante” das súas preocupacións e opinións. Este martes 28 estivemos coas representantes do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo. Tivemos a oportunidade de escoitar, debater, e comprender que é o que pensan as nenas e nenos.
Botamos a camiñar!
Cuestionarios para rescatar ideas e propostas da rapazada
Con motivo da elaboración do I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia de Carnota traballamos arreo coas crianzas. Estas semanas estivemos presentando Carnota Amiga da Infancia nos centros educativos. A rapazada de Carnota transmitiunos as súas opinións a través dun pequeno cuestionario. Este é un dos primeiros pasos que damos para comezar a pensar unha Carnota Amiga de Infancia entre todas e todos.
Traballo en rede para pensar o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia
Reunións de traballo en equipo
Os días 20 e 21 comezamos a pensar en común unha Carnota Amiga da Infancia. A comunidade educativa (ANPAs e profesorado), asociacións veciñais e asociacións culturais sentáronse xuntas para localizar cales son os grandes problemas e necesidades para a infancia e adolescencia en Carnota. Na Casa do Concello tamén realizamos traballo compartido, a idea é que todas as áreas municipais pensen en clave de infancia e adolescencia.
03/02/18
Carnota Amiga da Infancia
Que é Carnota Amiga da Infancia?
É un proxecto liderado pola Concellaría de Igualdade e Diversidade do Concello de Carnota.
Por que Carnota Amiga da Infancia?
As nenas e os nenos son o futuro. Por iso precisamos construír un municipio que pense nas súas necesidades, nas súas problemáticas e nas súas demandas, incorporando a súa voz ás políticas e accións municipais.
Que esperamos de Carnota Amiga da Infancia?
Este blogue e este proxecto pretenden ser un altofalante das crianzas e da mocidade. Queremos que este sexa un espazo para pensar entre todas e todos como nos gustaría que fose o noso municipio.