Páxinas

30/11/18

Entrega do Selo de Cidades Amigas da Infancia en Oviedo

Acto de entrega do Selo de Recoñecemento Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia

Este 27 de novembro o alcalde Ramón Noceda recolleu o recoñecemento do Programa Cidades Amigas da Infancia en Oviedo. A este acto acudiron todas as persoas representantes dos concellos que lograron o Selo de Cidades Amigas da Infancia do estado español.

Este selo vén recoñecer todo o traballo realizado no marco do proxecto "Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia" dende decembro de 2017. Dende aquela, a Concellería de Igualdade e Diversidade estivo a traballar en espazos formativos e de participación coas rapazas e cos rapaces. A partir deste traballo construímos unha diagnose da situación da poboación infante e adolescente, para logo formular o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia. Este proceso culminou coa aprobación do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, un espazo de participación que pretende dar voz á rapazada.

Algúns dos grandes resultados que obtivemos até o momento foron:

Creación das comisións de traballo no marco do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia: cultura e lingua; educación e dereitos; espazo público e seguridade vial, medio ambiente; e seguridade e deportes.

Participación das rapazas e dos rapaces na elaboración das programacións culturais e deportivas.

Elaboración participativa de vídeos para proxectar no I Festival de Cinema Mares da Fin do Mundo, grazas á creación da Escola de Cinema de Mar de Lira.

Non deixes de participar, anímate a formar parte deste proceso tan ilusionante. Faite de Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia!