Páxinas

25/04/18

XA QUEDA MENOS PARA O CONSELLO DA INFANCIA E DA ADOLESCENCIA


Xuntanza para traballar no futuro Consello Municipal de Infancia e da Adolescencia

O pasado xoves 19 de abril xuntámonos para pensar en común sobre o futuro funcionamento do Consello da Infancia e da Adolescencia de Carnota. Representantes do Concello, da comunidade educativa e do tecido asociativo cultural e veciñal sentámonos para acordar o funcionamento deste organismo de participación. A continuación tamén traballamos coa rapazada, as e os representantes da adolescencia tamén opinaron e reflexionaron en torno a "como" e "porque" participar.

Este venres 27 de abril presentarase en Pleno Municipal unha proposta para aprobar este Consello da Infancia e Adolescencia. Este Consello Municipal da Infancia e Adolescencia será fundamental para garantir a inclusión dos dereitos da infancia e da adolescencia na vida municipal. Será un organismo onde a infancia a adolescencia será o motor fundamental e onde elas e eles serán as protagonistas.

13/04/18

Os dereitos da infancia


Os nosos dereitos

Coñecedes os principios dos Dereitos da Infancia?

1. NON DISCRIMINACIÓN
Todas as nenas, nenos e adolescentes teñen os mesmos dereitos.
Non importa a súa cor de pel, relixión, procedencia ou as ideas dos seus pais e nais.

2. INTERESE SUPERIOR DA INFANCIA
Calquera decisión, lei ou política que poida afectar á nena ou ao neno ten que ter en conta o que vaia ser mellor para ela ou para el.

3. DEREITO Á VIDA, Á SUPERVIVENCIA E AO DESENVOLVEMENTO
Todas as nenas e os nenos teñen dereito a vivir e alcanzar o seu maior potencial na vida.

4. PARTICIPACIÓN
As nenas, nenos e adolescentes teñen dereito a ser consultados sobre as situacións que lles afecten, así como a que se teñan en conta as súas opinións.

Deixámosvos aquí o resumo da Convención dos Dereitos da Infancia publicada por UNICEF  


05/04/18

O noso photocall :)


Xa están aquí as fotos da rapazada e a xovenca!

Na semana santa toda a veciñanza de Carnota coñeceu o proxecto Carnota Amiga da Infancia. No stand do VídemoVer puidemos informarvos sobre este proxecto e escoitar as vosas dúbidas, demandas, necesidades e opinións. Foi unha gran ledicia contar coa vosa participación, ilusión e colaboración! Por isto queremos darvos as grazas a todas e todos os que vos animastes a falar con nós, deixar a vosa mensaxe e facervos unha foto! Pasámolo moi ben ;)

Deixámosvos aquí todas as fotografías que fixemos no Photocall da Xovenca, búscade a vosa!