Páxinas

20/02/19

Consello Municipal de Infancia e de Adolescencia



Convocatoria do Consello Municipal de Infancia e de Adolescencia

O vindeiro luns 25 de febreiro ás 12:00 terá lugar unha xuntanza do Consello no Salón de Plenos do Concello de Carnota.

A convocatoria abrese a todas as persoas representantes que forman parte do Consello: do alumnado de primaria e de secundaria, do profesorado, das ANPAS, de asociacións veciñais, sociais, culturais.
Neste espazo o alumnado representante de primaria e de secundaria terá a oportunidade de presentar propostas ao Pleno Municipal. Deste xeito a rapazada expresa cales son as súas inquedanzas e necesidades, e asi mesmo o goberno municipal e a oposición terá que tomar nota e dar contas.

Pola súa banda, o alumnado de primaria liderará propostas arredor dos patios escolares! Levan moitas semanas traballando arreo para pensar como queren mellorar os espazos de xogo! Que gana de escoitalas e escoitalos! :)

As representantes do alumnado de secundaria tamén terá o seu momento para intervir e expresar propostas. <3

E xa por último faremos unha pequena dinámica para que a UNICEF teña en conta as opinións da rapazada de Carnota para trasladarllas aos partidos políticos nas vindeiras eleccións municipais galegas.

Para máis información, non dubidedes en chamar ao departamento de Servizos Sociais do Concello. Tflno: 981 85 70 32. Ext2.

Non deixes de participar, anímate a formar parte deste proceso tan ilusionante. Faite de Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia!

04/02/19

Lembranzas de "Somos o Futuro"



Lembranzas de "Somos o Futuro: xornadas de intercambio entre Concellos Galegos Amigos Infancia e da Adolescencia"

29/01/19

SOMOS O FUTURO



Somos o Futuro: xornadas de intercambio entre Concellos Galegos Amigos Infancia e da Adolescencia

Este sábado 2 de febreiro celebraremos as xornadas de intercambio entre os concellos de Carnota, Moeche e Castrelo de Miño. Un día dedicado a aprender e reflexionar en torno á participación das rapazas e dos rapaces.

Castrelo de Miño é o único concello galego que foi recoñecido por UNICEF hai xa 4 anos. Neste tempo as rapazas e os rapaces desta vila traballaron arreo, e tamén conseguiron que o Concello lles tivera en conta para moitas cousas; tales como as actividades, obras ou melloras na vida da veciñanza. Pola súa banda, Moeche vén de ser recoñecido por UNICEF este ano pasado.

Esta fin de semana uniremos forzas entre a rapazada destes tres concellos para aprender entre todas e todos. Xuntámonos para compartir experiencias que tiveron éxito, así como tamén os retos que se presentan para o futuro.

Animámosvos que formedes parte desta xornada, que promete ser moi gratificante!

10:30 h: Obradoiro de participación con representantes do Consello Municipal de Participación de Carnota

Lugar: Salón de actos do Concello.

12:30h: Espazo de intercambio de experiencias coas rapazas e rapaces de Castrelo de Miño e Moeche. Dirixido a rapazas e rapaces e a persoas adultas que forman parte dos Consellos de Participación (asociacións, comunidade educativa e persoal técnico e político)

Lugar: Salón de actos do Concello.

14:30: Xantar para a rapazada

16:30: Dinámica de participación. Dirixido a rapazas e rapaces dos tres Concellos

Lugar: Local Vintepicopés.

Para máis información, non dubidedes en chamar ao departamento de Servizos Sociais do Concello. Tflno: 981 85 70 32. Ext2.

Non deixes de participar, anímate a formar parte deste proceso tan ilusionante. Faite de Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia!

30/11/18

Entrega do Selo de Cidades Amigas da Infancia en Oviedo

Acto de entrega do Selo de Recoñecemento Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia

Este 27 de novembro o alcalde Ramón Noceda recolleu o recoñecemento do Programa Cidades Amigas da Infancia en Oviedo. A este acto acudiron todas as persoas representantes dos concellos que lograron o Selo de Cidades Amigas da Infancia do estado español.

Este selo vén recoñecer todo o traballo realizado no marco do proxecto "Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia" dende decembro de 2017. Dende aquela, a Concellería de Igualdade e Diversidade estivo a traballar en espazos formativos e de participación coas rapazas e cos rapaces. A partir deste traballo construímos unha diagnose da situación da poboación infante e adolescente, para logo formular o I Plan Municipal de Infancia e Adolescencia. Este proceso culminou coa aprobación do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, un espazo de participación que pretende dar voz á rapazada.

Algúns dos grandes resultados que obtivemos até o momento foron:

Creación das comisións de traballo no marco do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia: cultura e lingua; educación e dereitos; espazo público e seguridade vial, medio ambiente; e seguridade e deportes.

Participación das rapazas e dos rapaces na elaboración das programacións culturais e deportivas.

Elaboración participativa de vídeos para proxectar no I Festival de Cinema Mares da Fin do Mundo, grazas á creación da Escola de Cinema de Mar de Lira.

Non deixes de participar, anímate a formar parte deste proceso tan ilusionante. Faite de Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia!