26/02/19
A sesión do Consello do 25 de febreiro
Consello Municipal de Infancia e de Adolescencia
O pasado luns 25 de febreiro ás 12:00 tivo lugar unha xuntanza do Consello no Salón de Plenos do Concello de Carnota.
O alumnado representante de primaria e de secundaria presentou propostas ao goberno municipal, a representantes da oposición e ao persoal técnico de diferentes áreas. A rapazada traballou dabondo e trouxo un abano de propostas e moi boas ideas! ;)
O alumnado do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo trouxo unha maqueta, un plano e unha recompilación de fotografías para explicarnos que é o que menos lle gusta dos seus patios, e que grandes ideas teñen para cambialos! Despois de moitas semanas traballando arreo para pensar como queren mellorar os espazos de xogo tivemos o grande luxo de escoitalas! Pola súa banda, o goberno municipal comprometeuse a valorar as propostas e ter unha reunión cos centros educativos para poñerse a traballar.
As representantes do alumnado do IES Lamas de Castelo tamén tiveron a súa intervención. Neste caso centráronse en cuestións relacionadas con actividades de lecer e cultura.
Ademais traballamos sobre unha pequena dinámica para que a UNICEF teña en conta as opinións da rapazada de Carnota para trasladarllas aos partidos políticos nas vindeiras eleccións municipais galegas.
Seguimos avanzando na participación infantil e adolescente! Comezamos a traballar sobre propostas concretas!
Para máis información, non dubidedes en chamar ao departamento de Servizos Sociais do Concello. Tflno: 981 85 70 32. Ext2.
Non deixes de participar, anímate a formar parte deste proceso tan ilusionante. Faite de Carnota Amiga da Infancia e da Adolescencia!